Wednesday 15 de May de 2024

A Xunta inicia a dixitalización dos rexistros e o servizo chave 365, que simplifica a xestión online a través de claves concertadas no móbil


O sistema, que está dispoñible xa no Rexistro Xeral da Xunta e a través da sede electrónica, evita a complexidade do uso do certificado electrónico

Avanzar na tramitación integramente electrónica e facilitar a accesibilidade aos servizos online son os obxectivos da posta en marcha do proceso de dixitalización das Oficinas de Rexistro e do servizo Chave 365. Son dúas das iniciativas previstas no Plan de Administración e Goberno Dixitais 2020 que foron presentadas esta mañá polo Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, na presentación de ambos servizos no Rexistro Xeral da Xunta.

Chave 365
O Servizo Chave 365, que entra hoxe en funcionamento, simplifica a xestión telemática coa Administración facilitando uso de claves concertadas para acceder á sede electrónica. A Xunta pon en marcha esta iniciativa ante a dificultades de uso do certificado electrónico e para evitar que as persoas menos familiarizadas co emprego das novas tecnoloxías queden excluídas dos servizos electrónicos. Este servizo dota aos cidadáns e as empresas dun mecanismo de identificación e sinatura electrónica sinxelo que ofrece garantías de seguridade similares ao certificado electrónico.

Para empregar este sistema o usuario só ten que darse de alta no servizo, verificando a súa identidade, ben a través da sede electrónica ou ben no Rexistro Xeral da Xunta, onde se poderá solicitar desde hoxe.

Unha vez verificada a súa identidade, o usuario recibirá no seu móbil unha clave de acceso, que empregará xunto co seu NIF. Deste xeito cada vez que queira realizar unha xestión, introducirá a clave de acceso e o NIF na sede electrónica e recibirá automáticamente no seu móbil un código de sinatura dun só uso e válido durante 24 horas para realizar o trámite.

A incorporación de Chave365 permitirá avanzar cara a sede electrónica móbil, facilitando o acceso desde dispositivos móbiles ou tabletas a algunhas funcionalidades, como a consulta do estado dos expedientes na Carpeta do cidadán. O Chave 365 estará dispoñible progresivamente no resto das oficinas de Rexistro.

Cómpre destacar que a tramitación online supón un aforro mínimo de 75 euros por solicitude, fronte á modalidade presencial.

Dixitalización do Rexistro
A Amtega, en colaboración coa Vicepresidencia da Xunta, está a pilotar tamén no Rexistro Xeral a dixitalización da documentación que achegan os cidadáns. Este proceso, fundamental para conseguir unha tramitación 100% electrónica, continuará estendéndose de xeito progresivo no primeiro trimestre de 2016 nos rexistros únicos da Xunta na Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo. O obxectivo é estender este proceso ás 533 oficinas que integran o Sistema Único de Rexistro ao longo de 2016.

Unha vez completada a implantación, calquera documento que entre nestas unidades será dixitalizado e compulsado electrónicamente para conformar o expediente administrativo dixital, que se almacenará no Arquivo Dixital de Galicia e eliminar o uso do papel en toda a relación entre cidadáns, empresa e a administración.

Este proceso forma parte da modernización do sistema de rexistro que a Amtega iniciou en 2012, unificando o funcionamento dos rexistros a través dun sistema informático común (AIRES) e establecendo o traballo en rede das oficinas de rexistro autonómicas e locais. O obxectivo é garantir tanto ao cidadán como a administración pública a trazabilidade da documentación, a automatización dos procesos, a redución dos tempos de tránsito entre os rexistros e a eliminación do uso de papel.

Plan de Administración e Goberno Dixital 2020
O servizo Chave 365 e a Dixitalización dos Rexistros son dúas iniciativas son dúas das actuacións do Plan de Administración e Goberno Dixital 2020, que busca culminar o traballo realizado nos últimos catro anos en materia de administración electrónica e conseguir unha Administración que funcione integramente de xeito dixital.